Ábrese o prazo de inscrición nas actividades extraescolares do curso 2026/2027





Mañá, 14 de xullo, ábrese o prazo de inscrición nas actividades extraescolares organizadas pola ANPA Milnenos para o curso 2026/2027.

Como cada ano, convidámosvos a consultar con calma toda a oferta de actividades antes de formalizar a inscrición.

Información importante

Para participar nas actividades extraescolares será imprescindible ser socio/a da ANPA Milnenos. Para iso, é necesario darse de alta como familia socia ou renovar a cota para o vindeiro curso escolar. A cota da ANPA é de 20 € anuais por familia.

Ademais, para participar en calquera actividade será obrigatorio formalizar a matrícula e o seguro da ANPA, cun importe de 19 € por cada alumno ou alumna, independentemente do número de actividades nas que participe.

O pagamento da matrícula e do seguro realizarase mediante tarxeta bancaria no momento da inscrición.

O pagamento das actividades realizarase, igual que o curso pasado, mediante transferencia bancaria directamente ao provedor, utilizando o número de conta que figura na información de cada actividade.

As únicas excepcións son:

  • Robótica, cuxo pagamento realizarase mediante domiciliación bancaria.
  • Baloncesto, fútbol sala e predeporte, impartidos polo Club Deportivo Los Rosales, que se abonarán a través da aplicación propia do club. Antes do inicio do curso facilitarase ás familias toda a información necesaria.

Reorganización dos espazos

Este curso atopámonos cunha circunstancia que nos obrigou a reorganizar parte da programación. O Cole Azul permanecerá pechado, agardando que esta situación sexa só temporal, xa que o estado actual das instalacións non permite desenvolver actividades coas garantías de seguridade que os nosos nenos e nenas merecen.

Esta situación reduciu considerablemente os espazos dispoñibles para as actividades extraescolares. Desde a ANPA fixemos un importante esforzo para manter a maior parte da oferta e os horarios habituais, aínda que nalgúns casos foi necesario realizar cambios para adaptar a programación aos espazos dispoñibles.

Novidades para este curso

Grazas ás achegas realizadas polas familias nas enquisas dos últimos meses, este curso incorporamos a actividade de Inglés, unha das propostas máis demandadas.

Así mesmo, informámosvos de que as actividades de Natación e Duatlón, impartidas polo Club Hércules Termaria, desenvolveranse fóra do recinto escolar, nas instalacións de Termaria – Casa da Auga. O traslado ata o lugar de realización da actividade correrá a cargo das familias. 

A inscrición nestas dúas actividades realizarase directamente a través da páxina web do Club Hércules Termaria:

https://www.clubherculestermaria.es/

Onde consultar toda a información

No noso blog e na aplicación Ábaco podedes consultar toda a información relativa ás actividades extraescolares:

  • Oferta completa de actividades.
  • Horarios e grupos.
  • Prezos.
  • Información dos provedores.
  • Acceso ás inscricións e documentación necesaria.

Se tedes calquera dúbida, podedes poñervos en contacto coa ANPA a través das canles habituais. Estaremos encantados de axudarvos.

Queremos agradecer, un ano máis, a confianza que depositades na ANPA Milnenos. O voso apoio permítenos seguir traballando para ofrecer unha programación variada, de calidade e adaptada ás necesidades das nosas familias.

Desexámosvos un moi bo verán. Vémonos en setembro!


Comentarios