Contidos e funcionamiento de cada actividade

Baile galego:

O baile tradicional é unha das máis significativas manifestacións da cultura dun pobo e estreitamente vencellada á tradición musical.
Cántigas da Terra dende a súa fundación integrou a música e o baile nas súas actuacións no seu propósito de preservar o noso patrimonio e converténdose nunha sinal de identidade.
A principal finalidade é a educación para o desfrute e mellor uso do tempo libre. Trabállase a psicomotricidade, a coordinación e o ritmo.
Ofértase un conxunto de actividades culturais có obxecto de recoller, manter e transmitir as antigas tradicións de Galicia, no eido musical e artístico, especialmente centrado no espazo do baile tradicional.
Esta oferta cultural proponse como mostra do folclore do noso país, tras un duro traballo de investigación, viaxando de pobo en pobo, falando cós nosos maiores có fin de non desvirtuar no máis mínimo as nosas tradicións, prestando especial interese á representación das danzas, á fidelidade do vestiario empregado e á música interpretada. 

Baile moderno:

Distintas disciplinas de baile agrupadas dentro de ritmos modernos, latinos, Hip Hop, Funky ou Popping.
O baile moderno desenvolve a coordinación, a lateralidade e o ritmo.
A complexidade dos pasos é variable e planificada de acordo coas idades e capacidades de cada participante. 
As vantaxes que ofrece esta actividade son, entre outras, a coordinación motriz e o sentido do ritmo, ademais de mellorar a condición física en xeral. 
A danza moderna é unha expresión corporal artística, os seus movementos son unha expresión libre dos estados e emocións das persoas. 
Prepararán unha coreografía ao final do curso.
 

Baloncesto:

Actividade dirixida á formación tanto deportiva como en valores, buscando o desenvolvemento das habilidades motoras dos nenos. Inicialmente a través do xogo, aprenderán a técnica e a táctica do baloncesto.
Principais obxectivos:
  • Crear sentimento de grupo e compañeirismo.
  • Adquisición de rutinas e valores propios dos deportes de equipo.
  • Coñecer a técnica e a táctica do baloncesto.
  • Coñecer o regulamento deste deporte.
  • Perfeccionar os fundamentos deste deporte, naquelas crianzas que xa o coñecen.
  • Adaptar o nivel físico a cada xogador e xogadora.
  • Adestrar de forma lúdica.

Combate en judo e defensa persoal:

Defensa persoal en idade escolar, formación teórica (lúdica) e práctica na defensa persoal.
Valoración, anticipación, resposta ante unha situación e resolución dun conflito.
Actividade dividida en dous bloques por sesión. Nun entrenarase o Radori ou combate libre, onde se poñerá en práctica as técnicas aprendidas e se abordará a competición en Judo. No segundo bloque, desenvolverase un programa en Defensa Persoal en idade escolar, dunha maneira práctica, lúdica e de fácil aprendizaxe.

Duatlón:

Actividade impartida fóra do recinto escolar. Desenvolverase nas instalacións de Termaria Casa da Auga que inclúe o acceso ás instalacións.
É un
deporte de resistencia que ten dúas disciplinas: a carreira a pé e o ciclismo.
O obxectivo é que o alumno/a adquira as habilidades básicas para practicar o deporte, é dicir, que teña control do seu corpo (respiración, coordinación...) e control da bicicleta (arrancar, pedalear, xirar, frear...).
A actividade ten un carácter lúdico adaptado ás idades do alumnado.
Principalmente realízase mediante xogos. Ademáis, o duatlón axuda aos nenos e nenas a integrarse socialmente e a adquirir valores de esforzo e compromiso.

Esgrima histórica:

Obxectivos:
  • Xeral: recuperar a Historia a través dos diferentes tratados de esgrima, coa intención de transmitir as súas técnicas, movementos e actitudes positivas.
  • Específicos:
    1. Traballar a forma física dos participantes por medio dunha actividade deportiva cun marcado carácter lúdico.
    2. Adaptar as clases ás necesidades específicas de cada participante, logrando cumprir os obxectivos propostos con cada un deles na actividade.
    3. Lograr e acadar unha constitución flexible e áxil mediante unha educación postural e bio-mecánica correcta e saudable, que permita controlar axeitada e coordinadamente os movementos realizados polo corpo dun mesmo.
    4. Mellorar a capacidade de concentración e a vontade de superación de obstáculos e dificultades dos participantes, así coma o respeto polos seus compañeiros/as e o seu mestre.
Metodoloxía:
Será, en todo momento, activa e participativa. Pretendemos dotar á actividade dun carácter socializante entre os seus participando, potenciando unha comunicación directa, fluida e cercana dos nenos e nenas tanto entre sí coma có mestre, fomentando o establecemento de relacións interpersoais e a creación dun saudable ambiente de traballo en cada unha das sesións.
 
Contidos da actividade:
O mestre plantexará os exercicios, xogos e actividades que mellor se adapten tanto ás necesidades colectivas do grupo coma ás individuais de cada participante.

Modalidades:
Teríamos dous estilos de esgrima a escoller:
  • Espada ropera (séculos XVI – XVIII): os participantes aprenderán a moverse co pé dominante adiantado, así coma o manexo desta arma coa súa man dominante.
  • Espada larga (séculos XIV – XVII): os participantes aprenderán a moverse con ámbolos dous pes, dependendo da técnica postural necesaria, e a empregar esta arma de dúas mans.
As dúas modalidades rotaríanse semanalmente, aínda que poderíase seguir unha liña de traballo máis específica se o grupo así o requerise de xeito unánime.

Fútbol Sala:

É unha actividade dirixida á formación tanto deportiva como en valores asociados ao deporte colectivo. Dáselle protagonismo ao aprendizaxe do xogo en equipo, ademais de buscar o desenvolvemento das habilidades deportivas dos rapaces.
O obxectivo principal que se persegue é, ademais da parte meramente deportiva, fomentar valores, como o compañeirismo, o traballo en equipo, o respecto aos monitores , compañeiros, rivais, etc., e, sobre todo, fomentar a práctica do deporte.
Obxectivos:
  • Crear sentimento de grupo.
  • Adquisición de rutinas e valores propios dos deportes de equipo.
  • Coñecer a técnica e a táctica do fútbol sala.
  • Coñecer o regulamento deste deporte.
  • Perfeccionar os fundamentos deste deporte, naqueles que xa o coñecen.
  • Adaptar o nivel físico a cada persoa.

Hockey en liña:

O obxectivo é iniciar aos participantes no deporte de Hóckey Liña, partindo da base das habilidades básicas da patinaxe. A través de exercicios e actividades lúdicas desenvólvense diferentes habilidades (manexo do stick, pase, tiro...) para alcanzar aspectos técnico - tácticos.

Inglés:

Os nenos e nenas non aprenden idiomas do mesmo xeito ca os adultos. En lugar de estudar gramática e vocabulario a partir dun libro, os máis pequenos adquiren o inglés a través de xogos, cancións, contos, actividades cotiás e, sobre todo, conversando.

Este método de aprendizaxe fai que o proceso sexa ameno, natural e divertido. Ao interactuar co idioma nunha contorna familiar, os nenos e nenas imitan a pronuncia e incorporan novo vocabulario de maneira espontánea e sen esforzo. As actividades guiadas polo profesorado proporcionan a base da aprendizaxe, mentres que as interaccións co resto do grupo reforzan e amplían as súas habilidades lingüísticas.

Este enfoque baséase na inmersión total no idioma, creando un contorno 100% en inglés no que os nenos e nenas aprenden de forma natural. Esta exposición continua facilita unha aprendizaxe intuitiva e progresiva, favorecendo que non só comprendan o idioma, senón que tamén adquiran a confianza e a seguridade necesarias para utilizalo con naturalidade no seu día a día.


Ioga:

O obxectivo desta actividade é achegar aos nenos e nenas a un conxunto de técnicas e ferramentas que pretenden axudarlles a aumentar a concentración e, deste xeito, acadar un maior control físico e mental que poderán poñer en práctica no seu día a día. A través de diferentes exercicios, os nenos e nenas aprenderán a escoitarse a si mesmos e a súa contorna.
Esta actividade pretende mellorar as capacidades cognitivas, a súa concentración, memoria e capacidade de estudo, ademais de permitirlles desenvolverse persoal e emocionalmente.
Traballarase a coordinación de movementos buscando o control absoluto sobre o corpo.
 

Judo:

A rapazada formarase nos aspectos que son intrínsicos da actividade do Judo como son:
  • O aspecto social, a través dos valores de deportividade e respecto do Judo.
  • O aspecto físico, axeitando as idades ao desenvolvemento das cualidades físicas básicas así como as destrezas motrices de coordinación, axilidade e estabilidade necesarias para a práctica do noso deporte en particular.
  • O aspecto técnico, para progresar na consecución dos graos deportivos que permitan conseguir o cinturón negro, o cal da pé a obter formación académica de titulación na nosa especialidade.
Obxectivos do Método Didáctico de Judo Infantil 4-7 anos.
  • DESTREZAS FÍSICAS
    • Aproximación aos xestos de judo a través de xogos guiados.
    • Representación do propio corpo con organización no espazo.
    • Emprego de habilidades motoras básicas e combinadas simples.
    • Uso de esquemas motores e posturales básicos ligados á correcta aliñación corporal.
  • DESTREZAS TÉCNICAS
    • Posición básica de judo chan boca arriba e boca abaixo.
    • Aproximación ás posicións de judo chan.
    • Movemento de judo pé básico dous apoios cara diante.
    • Grupo de movementos de medio xiro.
    • Aproximación a depositar ao compañeiro/a no chan.
    • Práctica deportiva do xogo do judo pé.
    • Práctica deportiva do xogo do judo chan. 
  • DESTREZAS SOCIAIS
    • Aceptación das características persoais do outro, como compañeiro/a e non como compañeiro/a de xogo.
    • Elaboración de tarefas grupais e individuais que favorezan valores de compañeirismo e traballo en equipo.
Obxectivos do Método Didáctico de Judo Infantil 8-11 anos
  • DESTREZAS FÍSICAS
    • Adaptación das accións guiadas na etapa anterior á consecución de obxectivos técnicos.
    • Sistematización de exercicios guiados que permitan habilidades motoras finas.
    • Aplicación aos xestos técnicos das habilidades motoras finas desenroladas.
    • Emprego de habilidades motoras combinadas e iniciación nas habilidades motoras específicas.
    • Representación dinámica e anticipadora do corpo con organización espacial e técnica.
    • Introdución ás cualidades físicas básicas.
    • Práctica de exercicios de estabilidade lumbo-pélvica que melloren tanto a súa saúde como a súa calidade técnica.
    • Práctica de exercicios de iniciación estabilidade monopodal e bipodal.
  • DESTREZAS TÉCNICAS
    • Adaptación ás inmovilizacións de judo chan.
    • Volteos para chegar a inmovilizacións.
    • Grupo de movementos de xiro completo man por debaixo do brazo do compañeiro/a.
    • Grupo de movementos de xiro completo man por riba do brazo do compañeiro/a.
    • Adaptación ás proxeccións.
    • Práctica deportiva do judo pé.
    • Práctica deportiva do judo chan.
  • DESTREZAS SOCIAIS
    • Aceptación das características persoais do outro, como compañeiro/a e non como compañeiro/a de xogo.
    • Utilización das capacidades condicionales recoñecendo o seu aporte ao mantemento da saúde.
    • Recoñecemento do compoñente pracenteiro do xogo, independentemente do rendemento e do resultado.
    • Aplicación de esquemas tácticos, propios dos xogos deportivos, respectando e acordando regras de interacción cós outros.
    • Coñecemento dun amplo repertorio de xogos motores regrados e deportivos, valorando en relación có coidado da saúde e a aplicación ao judo.
    • Consecución tanxible da auto-superación mediante probas físicas que valoran a mellora individual e non o ser mellor que outro.
    • Cualificacións positivas en función do esforzo social realizado.
Metodoloxía
Traballarase con motivacións diarias tales como a obtención de boas calificacións e outros estímulos, baseados sempre no reforzo positivo como o premio ao que o fai ben e como motivación para os demáis. Os traballos técnicos sempre irán precedidos de exercicios ou xogos de aproximación aos mesmos, buscando nas tarefas propostas o descubrimento guiado dos obxectivos.
  1. Actividades segundo idades, Quecemento ou xogo de quecemento.
  2. Traballo físico xeral ou xogo de motricidade.
  3. Traballo físico de adaptación ou xogo de aproximación ao traballo físico de adaptación. 
  4. Tarefa técnica ou xogo de aproximación á tarefa técnica.
  5. Volta á calma principalmente con mobilidade das costas. 
Avaliación
A avaliación é continua baseándonos no incentivo de obtención de boas notas por:
Exercicios ben realizados, tarefas técnicas ben resoltas ou aspectos positivos de compañeirismo e deportividade, obxectivando dese xeito a finalidade proposta no noso método de ensinanza.
Faranse asimesmo probas físicas e técnicas axeitadas ás idades no que sempre se propón a non competitividade entre o alumnado, senon o progreso particular de cada un para consigo mesmo. As tarefas propostas sempre adoitan ser sinxelas e divertidas, e por suposto, seguras.
Faranse valoracións subxectivas de varios apartados e obxectivas de tarefas físicas en idades axeitadas.

Natación:

Actividade impartida fóra do recinto escolar. Desenvolverase nas instalacións de Termaria Casa da Auga, que inclúe o acceso ás instalacións.
A actividade será impartida polo Club Hércules Termaria e está dirixida a nenos e nenas que xa teñan unha autonomía básica na auga.
Durante as sesións traballarase a mellora da técnica de natación, a coordinación, a confianza no medio acuático e o desfrute do deporte nun ambiente seguro e adaptado á súa idade. 

Pandeireta, percusión e canto:

  • Coñecemento dos xéneros e patróns fundamentais para acompañar melodías vocais ou instrumentais.
  • Aprendizaxe dun xeito lúdico cantos do folclore galego acompañados con pandeireta e outros instrumentos de percusión.
  • Traballo dos recursos que podemos empregar para acompañar as melodías da gaita.
  • Técnica: agarre das baquetas, colocación do instrumento, materiais (tipos de peles, de bordóns, madeiras...).
  • Arranxos para tamboril, pandeireta e bombo (figuras rítmicas, dinámicas...).
  • Dentro da disciplina atopamos diferentes instrumentos, o alumnado poderá elixir calquera dos que se citan a continuación:
    • Bombo, tambor.
    • Pandeireta, pandeira ou pandeiro.
    • Tarrañolas, tixola, cunchas, charrasco, zoadeira, lata, axada, culleres...
O método contempla estudar todos eles de maneira progresiva relacionando cada instrumento e extrapolando recursos duns instrumentos a outros, non como un estudo independente de cada un.

Parkour:

A actividade propón un percorrido completo polo universo do parkour, adaptado a todas as idades e niveis. A través do movemento, o xogo e o descubrimento, aprenderemos a movernos con eficiencia, fluidez e creatividade.
Baseándose na metodoloxía propia de Motion Academy, que integra principios como o traballo cooperativo, a inclusión e o desenvolvemento persoal. Buscamos que cada participante atope o seu propio camiño no movemento.
Priorizan a seguridade e o goce por encima de todo, con clases cheas de xogos, retos e dinámicas divertidas que fomentan a aprendizaxe de maneira natural, nunha contorna coidada e motivador.

Patinaxe en liña:

É unha actividade recreativa - deportiva, emocionante e dinámica que se adapta a diferentes niveis de execución.
O patinaxe axuda ao desenvolvemento do equilibrio, a coordinación e a harmonía corporal. A través de exercicios e xogos desenvólvense diferentes habilidades como impulsarse, xiros, freadas, cambios de dirección...

Pequechef:

Clases de cociña creativa e tradicional.
Faremos pratos quentes utilizando o noso propio material: placa de indución, forno portátil, batedora americana e cubertos totalmente seguros para o uso infantil.
A actividade pretende, entre outras cousas, que as nosas crianzas gocen da elaboración e emprego de alimentos saudables na comida, e que axuden na casa, no deseño e elaboración dos menús. 

Predeporte:

Actividade dirixida a nenos e nenas de educación infantil có obxectivo de inicialos, a través de xogos, ao baloncesto e ao fútbol.
A actividade centrarase na adquisición de rutinas e valores relacionados có deporte de equipo, con beneficios no desenvolvemento psicomotriz, fomento da integración, compañeirismo e empatía. 
En canto a metodoloxía, realizarase unha actividade deportiva lúdica baseada no xogo, e variará en función das necesidades do grupo.

Robótica:

Actividade dirixida a ensinar robótica e programación a nenos e nenas dunha forma divertida.
Achegarémonos á robótica educativa a través dos kits de LEGO WeDo e EV3 dependendo da idade do grupo.
A parte de robótica, complementarase con Scratch e outras ferramentas enfocadas ao aprendizaxe de programación.
A través desta actividade os nenos e nenas adquiren e reforzan coñecementos de automatización de procesos, física, matemáticas, enxeñería e electrónica a través do xogo. Crear os seus propios robots, mentres os programan, inflúe directamente no seu interese e rendemento.
Programar, competencia esencial para o seu futuro académico, profesional e persoal, convértese en algo natural segundo avance o curso, pois aprenden de forma divertida a facelo mediante as súas propias historias virtuais, videoxogos, …..

Skate:

Con esta disciplina, a cativada divertirase ao tempo que mellorará o seu sentido do equilibrio e coordinación, así como a súa condición física xeral.
Traballando ao completo o sistema locomotor, potenciaremos tamén a capacidade de concentración nunha actividade sa e cunha gran esixencia muscular, sen olvidar as actitudes, aptitudes e experiencias positivas que presenta este deporte tan novedoso.
 

Taller de arte e pintura:

En pintura utilizaremos a creatividade para expresarnos libremente, e coa guía da profesora aprenderemos técnicas con acrílico sobre distintos materiais (lenzo, madeira ou cerámica, entre outros), onde ademais poderemos descargar as nosas emocións, estimular a nosa psicomotricidade coas mans, e a concentración na creación de cores e a precisión das pinceladas.
Cada persoa en si mesma é artista pois posúe a súa propia, única, individual e auténtica forma de ver e sentir a súa vida e as súas circunstancias, para ben ou para mal.
Cada sentimento positivo ou negativo, expresado é ARTE (música, baile, teatro…) neste caso a PINTURA que se expresa a través do pincel, as cores e as formas, tanto figurativo (así sexan copias) como abstracto conleva en cada pincelada un acto único, persoal e irrepetible, e que está influenciado polo mundo interior consciente ou subconsciente dese neno ou nena en particular, dese artista en particular.
Nas clases poderán ser eles mesmos (algo fundamental para unha nova forma de educar, xa que todos somos distintos, únicos, e por tanto valiosos e complementarios).
Tamén o seu propio camiño como artistas e creadores das súas obras coa axuda e a guía da profesora que lles ensinará as técnicas para conseguir controlar o pincel e a cor, e chegar aos obxectivos que se propoñan, así como estimulación positiva que reforza a autoestima e fai da crianza unha persoa con seguridade para poder desenvolver todas as súas habilidades sen medos nin dúbidas.

Beneficios da pintura:
  • Favorece a concentración.
  • Disminúe a tensión
  • Proporciona descanso mental.
  • Xera sentimentos de relaxación.
  • Favorece a autoestima e a individualidade.
  • Estimula conexións cerebrais.
  • Aumenta a capacidade de expresión.
  • Axuda a vencer medos e enfrontarse a un mesmo.
Mediante a pintura estimulamos ambos os hemisferios do noso cerebro, tanto o da lóxica coma o da imaxinación e a creatividade. Os beneficios da pintura son moi extensos en canto a saúde e desenvolvemento persoal:
  • A perseveranza.
  • Aumenta a autosatisfacción.
  • Permite fluír emocións e crear harmonía interior.
  • Achega ao individuo ao mundo da arte.
  • Crea un hábito san que implica un desenvolvemento, unha evolución persoal interna e de habilidades artísticas.

Teatro:

Da man de Isabel Risco, gañadora do premio de teatro Mestre Mateo, a nosa cativada disfrutará e beneficiarase de:
  • Aproximación ao mundo do teatro. Isto supón coñecer os pilares que o fan posible.
  • Coñecer a nosa voz, o noso corpo e, sobre todo, a nosa enerxía. Sen esta última é imposible levar adiante calquera actividade artística, pero no teatro como na danza ou como na ópera é fundamental.
  • Traballo da memoria e da nosa mente para crear improvisacións.
  • Experiencia de construír un grupo. Un equipo de persoas que camiñemos, respectando as individualidades de cada quen, cara un obxectivo común. O teatro é diversión, xogo. Así que convídovos a xogar comigo nesta deliciosa aventura do mundo da escena.
 

Xadrez:

O xadrez escolar fomenta o desenvolvemento natural dunha serie de habilidades:
  • Memoria
  • Concentración, atención e reflexión
  • Toma de decisións e iniciativa
  • Visión espacial
  • Resolución de problemas
  • Razoamento lóxico-matemático
  • Pensamento creativo
  • Autoestima e autocrítica

Ximnasia rítmica:

Aposta polo deporte base, e por iso é moi importante dalo a coñecer dende as escolas como actividade extraescolar nos diferentes colexios e centro educativos. O noso obxectivo é:

  • Promover o coñecemento e a práctica da ximnasia rítmica en idade escolar.
  • Dar a coñecer e ensinar as habilidades motoras básicas e específicas deste deporte.
  • Coñecer o traballo de habilidades corporais básicas (salto, equilibrios, xiros, flexibilidade e ondas).
  • Coñecer e traballar habilidades na técnica dos distintos aparellos (corda, aro, cinta, mazas e pelota).
  • Valoración dos efectos positivos da práctica da ximnasia rítmica na área da recreación, o divertimento, a educación e a formación e desenvolvemento integral das nenas/os.
  • Facer da práctica deste deporte un instrumento para que as nenas/os adquiran valores tales como a colaboración, cooperación, tolerancia, etc.
  • Lograr a creación de canteira para promocionar a competición.
Obxectivos:
A ximnasia rítmica é unha disciplina deportiva que combina elementos ximnásticos tales como posicións de equilibrio, xiros, saltos e acrobacias, coordinados có uso de diversos aparellos como a corda, o aro, a pelota, as mazas e a cinta, sendo acompañados dun fondo musical como fío condutor na creación dunha composición artística na unión do movemento corporal, do aparello unidos coa música.
Distínguense dous bloques de idade nos que se imparte a actividade, con enfoques diferentes, atendendo á idade e nivel do alumnado.

- XIMNASIA RÍTMICA en idades temperás (educación infantil). Ten como misión servir de inicio na práctica da ximnasia rítmica desde a súa base.
Dentro da iniciación á práctica da ximnasia rítmica, búscase a adquisición progresiva dos valores do deporte, tales como autonomía, predisposición ao traballo, atención, realización de traballo colectivo e autoanálise.
Unha vez asentadas as bases da práctica da ximnasia rítmica, o traballo centrarase en adestramentos onde aprenderán técnica corporal, tomas de contacto cós diferentes aparellos da ximnasia rítmica e xogos orientados á práctica deportiva.

- XIMNASIA RÍTMICA nos cursos de primaria. Ten como misión a práctica da ximnasia rítmica unha vez establecidas as bases.
Partindo dunha autonomía, predisposición ao traballo, atención, realización de traballo colectivo e autoanálise, o traballo centrarase en aprender técnica corporal como parte principal e fundamental, traballo específico de elementos ximnásticos como os seus elementos de inicio, de progresións para executar posicións de equilibrio, xiros, saltos e acrobacias, ademais de tomas de contacto cos diferentes aparellos da ximnasia rítmica.

Metodoloxía:
A metodoloxía para desenvolver as clases desta actividade é unha metodoloxía baseada na participación activa e constante, e exercicios totalmente prácticos.
As clases están deseñadas para a integración das nenas/os no deporte, primando a súa creatividade e a parte lúdica.
En canto ao estilo de ensino, utilízanse todos os métodos tradicionais de mando directo e asignación de tarefas, programas individuais e colectivos, métodos que posibilitan a participación das nenas/os e métodos de descubremento guiado e resolución de problemas.

Comentarios